Category Archives: Manifestos

As Redes Escarlata fronte ao proxecto de Lei de Montes.

Vén de anunciarse a elaboración dunha Lei de Montes para Galiza. Logo de anos de políticas de abandono e afastamento do medio rural ningunha das solucións propostas no borrador semellan axeitadas para reverter a situación á que se dirixe o monte.

Trátase dun proxecto pésimo, que reitera os erros dos gobernos populares anteriores. Insiste no aproveitamento forestalista dos montes, elimina os poucos avances logrados na lexislatura bipartita, deriva esponsabilidades administrativas e continúa na liña de loitar contra o lume tan só mediante a extinción, incrementando o risco para persoas e bens.

O proxecto perverte o aproveitamento do monte, evadindo responsabilidades políticas, renunciando a facer destas o guieiro co que introducir unha nova cultura silvícola fundamentada na valorización non só económica senón tamén social e ambiental do medio rural. Con algunha das medidas propostas non só esquecen a grave situación de despoboamento pola que atravesa unha grande área do territorio galego, senón que insiste en dificultar o acceso á terra para a xente que queira facer desta o seu medio de vida. Non ten xeito ningún permitir novamente a forestación de terras agrarias mentres existen terreos de monte abandonados e explotacións agrarias con déficit de superficie.

Despois de 25 anos de políticas de abandono das actividades agrarias, de deixar á súa sorte a milleiros de persoas que integran o tecido produtivo, chegoulles a hora de daren o golpe mestre e apropiárense da terra para malvendela por catro patacóns a un mercado ávido de novos horizontes produtivos onde pouco ou nada contamos nós, donas e donos da Terra

Manifesto das Redes Escarlata

Diante da situación degradante das organizacións políticas e sociais que, agás escasas excepcións, están incorporadas ao sistema neoliberal, facemos un chamamento ás persoas críticas con este estado de cousas para integrármonos nun colectivo soberanista de intervención social e política, constituíndo unha ASOCIACIÓN SOCIO-CULTURAL ou barco de pedra, chamada REDES ESCARLATA.

Somos de esquerdas e sostemos que nestes tempos de mudanza tecnolóxico-financeira a sociedade segue estando dividida en clases.

Non temos máis horizonte que a soberanía dos cidadáns, dos traballadores e das nacións.

Non renunciamos aos principios inalienábeis que constitúen a verdadeira democracia (ata o fondo, subversiva, progresista): o dereito á igualdade real, a xustiza, a fraternidade e a liberdade das multitudes.

Nada nos é alleo, todo nos compete. Teimamos en intervir en temas políticos, sociais e culturais dos nosos Terra e Tempo.

Renegamos da globalización neoliberal e defendemos a solidariedade internacional.

Renegamos do imperialismo e defendemos a autoderminación.

Renegamos da caridade institucional, cos seus exércitos humanitaristas, ONG, lavado de conciencias…, e defendemos o internacionalismo.

Fronte ás presentes autonomía e monarquía, autodeterminación e futura República Galega.

Fronte ao bilingüismo harmónico, normalización lingüística: a nosa expresión escrita asumirá a normativa vixente.

Fronte á alienación e ao simulacro, cultura.

Fronte ao discurso xenófobo, radical antirracismo, fraternidade cos economicamente incorrectos.

Fronte á expropiación privatizadora, sector público galego.

Laicismo fronte á confesionalidade subvencionada.

Pluralismo informativo fronte ao pensamento único ou pensamento cero.

Contrainformación fronte ao discurso dominante.

Queremos que se respecte o exercicio dos dereitos políticos e non se fomente o terrorismo de Estado. Manifestámonos pola liberdade e a solidariedade con tódolos pobos insurxentes. A solución ao conflicto en Euskal Herría pasa pola negociación entre o Estado e as forzas soberanistas vascas.

Queremos unha organización territorial galega que remate coa administración tutelar de Hespaña. Queremos bisbarras e parroquias, non provincias.

Temos por galego o territorio lingüístico e cultural das comarcas estremeiras (Eo-Navia, Bierzo Occidental e As Portelas) e do val do Ellas. Estamos especialmente abertos á lusofonía.

Queremos un ensino nacional galego.

Asumimos o compromiso de defender:

- a loita das mulleres, o fluír do suxeito feminino/feminista que atravesa as fronteiras vencéndoas, deconstruíndoas e, asemade, afirmando a súa multiplicidade (políticas de emprazamento);

- a concepción do planeta coma un todo;

- a razón da saúde e da ecoloxía contra a tolemia do capitalismo depredador;

- a viabilidade dos nosos sectores productivos;

- a dignificación das condicións de traballo, con especial atención á mocidade;

- a integración respectuosa dos inmigrantes e dos emigrantes retornados;

- a liberdade non autoritaria de opcións sexuais.

O fascismo non medra só nas toldadas augas do totalitarismo, senón tamén nos plácidos areais da democracia formal e o liberalismo.

Escolleremos sempre a posibilidade de vivir tódalas descubertas: o pracer da innovación, o desexo non coutado, a vida como subversión. A Revolución é unha tarefa práctica. Non é unha elección: é unha necesidade. A nosa determinación é realizala

Xa é hora.

Compostela, abril de 2001

CUI PRODEST?

Sen profundar en datos moi verosímiles sobre a autoría intelectual e loxística (implicacións da CIA -Maine, Pearl Harbor, embaixada ianqui en Beirut-, do Mosad -visitas á embaixada iraniana de París de Bush pai, Bin Laden pai e axentes do Mosad-, dos negocios familiares (clans Bush-Bin Laden), interesa máis o «cui prodest?», a quen aproveita, así como as consecuencias para os movementos progresistas que se derivan da perda dos skylines neoiorquinos e da perda parcial das instalacións do Pentágono.

Volven as máquinas da guerra, regresa o reprimido (Bush), porque cómpre reubicar as lexións nas provincias afastadas e zonas estratéxicas, neste caso lindeiras co nacionalismo chinés, e darlle a primeira mordedela ás repúblicas exsoviéticas; porque os servicios de intelixencia necesitan «protección e liberdade» para mellor servir ao terrorismo legalizado; porque as multinacionais, beneficiarias económicas exclusivas da globalización co paraugas político-militar do Estado (único) imperial, necesitan refeudalizar o planeta; porque se revitaliza a industria armamentística e as súas auxiliares, ¿ou quen está cotizando á alza?, militarizándose a economía improductiva, o investimento estratéxico e seguro na «guerra permanente e indefinida».

No noso primeiro manifesto falabamos do pensamento cero. De agora en diante haberá que falar de pensamento menos once porque o control dos medios está esmagando a conciencia crítica e desconectando calquera opinión discrepante, ¿quen se atreve a discutir a veracidade da propaganda?; porque se vai acentuar a limitación das liberdades, entre outras cousas, coa universalización cofinanciada do sistema de espionaxe «Echelon», control de correo electrónico, teléfonos, etc.; porque a historia do mundo pasa a ser a historia ianqui: o suceso máis importante da especie é o bombardeo de Pearl Harbour e a data que nos define como humanos é 11 de setembro de 2001; porque a Liberdade é duradeira ou non é, e falar dos dereitos inalienables e dos dereitos humanos, ¡vaiche boa!, só o poden facer os USA en nome do imperio; porque se abateu, con absoluto descaro, mesmo formal, o poder xudicial; porque se está reprimindo calquera grupo que conteste as posicións do mando único: pacifistas, nacional-populares, antiglobalizadores, ecoloxistas, sindicais, etc.; porque se silencian os vinte millóns de norteamericanos contrarios á guerra, porque terrorista é agora calquera sospeitoso e disidente (relixioso, lingüístico, político, cultural…) seguindo o maccartismo sociolóxico imposto e o seu discurso de exclusión, nova cruzada (Oriana Falaci, Berlusconi…), porque agora a prioridade é a loita antiterrorista das policías nacionais e internacionais, que deixa amplo espacio ó narcotráfico, trata de «brancas», tráfico de armas, negocio da inmigración, mafias diversas… Isto é: máis diñeiro para ser «branqueado» en USA e equilibrar a caída das exportacións cun dólar forte; porque se pretende confundir o dereito á rebelión, que xustifica o uso das armas contra os opresores na liña da Declaración de Dereitos, e todo tipo de violencia; porque «Deus non é neutral», efectivamente, nin tampouco o son as armas, a prensa, os monopolios, os gobernos…

O matón nunca recoñece o outro como un lídimo adversario porque sofre un terror radical ao diferente, necesita negalo por causa do seu proído-emoción patriarcal; porque covardemente sempre fai a guerra a un mínimo de 6.000 quilómetros; porque vai acoirazado a enfrontarse con esfarrapados; porque abriu a segunda fronte europea moito despois de Stalingrado e porque puxo morte nuclear en Hiroshima e Nagasaki, de napalm no Vietnam e bombardeou Iraq e os Balcáns; porque enxugou na primeira liña do seu carro a: o estado sionista de Israel, os lambebotas da OTAN, os exsoviéticos…

- golpe de estado en Chile, morte de Salvador Allende (11 de setembro, 1973)

- campos de refuxiados de Sabhra e Chatila (Ariel Sharon e CÍA)

- diada de Catalunya

- setembro negro (Palestina)

- 12 palestinos asasinados polo exército israelí,

- 36.500nenos mortos pola fame e enfermidades curables segundo a FAO (11 de setembro, 2001)

- fame, enfermidade, guerra, sida, espoliación, mulleres afganas… ¿Qué goberno dá o pésame? Nas portas da humanidade que sofre, da humanidade humillada, non se recibe dó.

No pensamento burgués existe incapacidade para recoñecer que alguén poida converter a vida propia nunha arma para rescatar a súa colectividade, esa arquitectura que nos proporciona o sentimento de ter rumbo, coma a un barco nos océanos do tempo.

Diante do abismo da anomía, perante a negación da teoría revolucionaria, é posible entender, non necesariamente compartir, que un pobo opte por lanzarse como bombas contra a casa do usurpador-verdugo (bonzos budistas vietnamitas, suicidas palestinos…) producindo un horror que vai máis aló do físico, provocándolle o estupor e a incomprensión. Unha confrontación nauseabunda no lardo da ánima burguesa, construída sobre a propiedade e sempre arrepiada pola morte ou desaparición do corpo, o instrumento de apropiación e servidor da propiedade.

Asistimos a máis un grao de reforzamento das posicións ideolóxicas do nacionalismo español nas versións fascista e socialdemócrata porque se está executando un volta máis no fuso que esmaga os movementos de liberación nacional e resistencia social (okupas, antiglobalización, feminismo radical…); porque neste deserto intelectual só medra o sometemento edípico a papá-paranoide-papanatas Bush; porque a «seguridade» non vai diminuír o tráfico ilegal de armas, trata de brancas, droga, inmigrantes…, nin as súas mafias; porque o uso perverso do suceso «11 de setembro» serve para reafirmar a Aznar e a Fraga no espírito españolista, satélite dos USA.

Porque Schindler necesitou unha guerra para facerse rico, porque debemos combater a opresión onde se atope,

¡PAREMOS A GUERRA, PAREMOS A REPRESIÓN, PAREMOS O IMPERIALISMO, PAREMOS O HORROR DAS MULLERES-BURKA

Redes Escarlata

Galicia, 8 de outubro de 2001

TESES PARA UNHA REFLEXIÓN POLÍTICA A PARTIR DAS ELECCIÓNS AUTONÓMICAS

Le suffrage universel ne me fait pas peur, les gens voteront comme on leur dira

Alexis de Tocqueville

As eleccións, ultimamente autonómicas, foron unha derrota para a esquerda nacionalista; gañaron os de sempre, gobernan os de sempre. Pero nelas non se xogou derrota ou victoria dunha clase, das multitudes, dun proxecto social e nacional.

As eleccións son control das multitudes, aparencia de democracia, ilusión de liberdade e de igualdade, pero non democracia. Se nunha democracia burguesa gañase un partido non burgués que pretendese aplicar un programa transformador, sería un erro do sistema que se resolvería coa sabotaxe, co bloqueo, co exército, coa mobilización dos aparellos de dominio e de control. As oficinas de xestión burguesa pelexan nas poxas de subcontratas, nas pantallas ou ágoras por obter/conservar os contratos admistrativo-electorais: de non cumprir exitosamente, tal partido perderá o seguinte contrato. Son as eleccións ilusión de participación que impide a verdadeira participación popular na toma de decisións. Son o terreo de xogo en que se dirimen os éxitos ou fracasos dos aparellos dos partidos en termos de mercado, segundo as estratexias publicitarias e de mercadotecnia deseñadas. Só así se pode asumir intelectualmente a maioría absoluta da subcontrata partidaria das vacas tolas, do desmantelamento da flota, da derrota do sector primario, da substitución lingüística e cultural. Só así se comprende a renovación da subcontrata máis necia, prepotente, caciquil, totalitaria, antigalega. As eleccións só son, pois, un escenario máis, e non xa o principal, da loita de transformación. A democracia é poder popular.

O capital asegura o seu mando mediante o dominio e o control. O dominio exérceno os aparellos do estado. O control, os medios de comunicación consolidados como castelos mediáticos da información-propaganda de clase, os partidos hexemónicos e o sistema representativo. Nas súas mans radica o poder de converter en real o irreal e o existente en inexistencia. En Galicia esta tese cúmprese en dúas direccións: autónoma (dependencia do voto – mando – caciquismo – dominio) e consubstancial ó sistema (medios de comunicación, partidos, desigualdade de oportunidades, silencio de opcións antisistema, etc.). Esta articulación das forzas do poder dificulta calquera avance electoral.

Os partidos institucionais fan parte da dominación hexemónica do sistema. Este impón as súas normas de principio, fundamentadas en razóns esóxenas (contexto ideolóxico internacional e do Estado) e endóxenas (renuncia dos partidos, renuncia da intelectualidade á contrahexemonía). A nova dereita, representada polo PSOE e a socialdemocracia, procura un espacio electoral en que moverse e non topa acomodo; quizais por iso esa recorrencia sosa á moderación: oposición sensata, cambio tranquilo… E dicir, nada. A esquerda institucional navega entre a elaboración dun discurso matizado e o asombro ante a posibilidade de tocar goberno. Está perdendo o seu carácter transformador, pois para participar da festa debe deixar clara a renuncia e a súa fidelidade ó sistema. A súa íntima aspiración: ser a terceira pata do sistema.

Os medios de comunicación aprópianse dos discursos, reelabóranos e emítenos. Transmiten e impiden transmisión ó seu gusto, non coñecen máis liberdade de expresión e opinión cá daqueles que non contradigan a lexitimidade dos seus intereses, xogan coas interferencias, impoñen as súas regras; convértense en único escenario posible de toda acción política. Único escenario eticamente aceptable. Son barreira infranqueable entre o proletariado moderno e o seu desexo e necesidades de representación e poder. Proclaman a morte da esquerda, de toda posibilidade (e necesidade) de transformación profunda, de alimentar un mundo novo; impoñen a súa ética reaccionaria de clase e universalízana. Dividen así o mundo entre o ben e o mal en correcta correlación cos intereses do capital enfrontados ós do proletariado moderno, das multitudes… Achican o espacio do real, convérteno nun deserto.

A política pasa a ser cousa de políticos e de medios de comunicación, allea ás xentes. A alternativa non consiste, non pode consistir, en mimetizar e asumir os discursos dos medios e os seus valores, os valores do sistema e do réxime, só para evitar a incomodidade, para entregarse cegamente á súa mediación. Pérdese, nese tránsito, a relación co suxeito colectivo antagonista; o afastamento faise abismo. A alternativa pasa a ser só loita por un espacio virtual mediático, un espacio que nunca será propio a menos que se creen desde a base os novos medios: a contrainformación, a contracomunicación.

Para as clases populares, o proletariado moderno, o sistema de representación devén en crise permanente. É, en esencia, crise. A abstención coligada cos votos nulos e en branco faise partido maioritario. En parte é activa e antisistémica. En parte, simple manifestación espontánea de distancia respecto ó xogo simbólico polo poder. Certo é que esta mesma manifestación pode ocultar unha actitude pasiva e mesmo conservadora, de resignación política, ou incluso de negación idealista do sistema. Iso non impide reflexionar sobre esa importante masa que se expresa espontaneamente contra a falsa transcendencia dos procesos electorais. Hai nela, pois, antagonismo potencial.

As multitudes saben que nada se xoga en cada proceso electoral, a non ser a clasificación nun espectáculo, nun concurso en que cada individuo pode apoiar, por pasar o tempo, un equipo. As contendas electorais convértense en combate en que só se debate o futuro dos equipos contendentes. Ó outro día, todo segue igual. Os asalariados seguen sufrindo a súa condición de explotados.

Nos electorados colonizados política, cultural e ideoloxicamente, téndese por inercia a delegar a capacidade de decisión no administrador colonial. Unhas veces, mediante a abstención; outras, polo camiño do voto sumiso ós previsibles gañadores, unha expresión pseudopolítica do mimetismo biolóxico da supervivencia de quen non non se sente (porque non o é) soberano nese territorio. As experiencias alternativas (Fronte Popular do 36 na memoria, triunfos do PSOE e nas municipais do BNG na contemporaneidade) aboan positivamente tal actitude. Ben porque se perciben como experiencias históricas extraordinarias (a FP no 36), ben porque se sabe subalterno, alleo, autonómico, o proceso electoral; ben, no caso do lumpen -500.000 pobres na Galicia- e de sectores non productivos, para continuaren «invisibles» conservando o que (non) teñen: TV, fútbol, automóbil a prazos, infravivenda, RISGA, pensión, subemprego ocasional, esmolas institucionais, pequenas terras improductivas… Nos máis dos casos, sábese que do proceso electoral non devirá ningún cambio substancial, así que, para seguir igual, mellor é o malo coñecido.

Nas periferias da periferia do sistema, a desvalorización do propio voto, forzado polos media e polas redes benéfico-asistenciais-caciquís, é absoluta: a democracia cristiá gañou todas as eleccións no sur de Italia, Lula perdeu a segunda volta electoral con Collor de Melo nas favelas, o PP arrasa en Ourense-Lugo-interiores de Coruña e Pontevedra, precisamente naquelas áreas que sofren un proceso de despoboamento case definitivo. Sen futuro. A imposibilidade de adquirir conciencia das necesidades do presente para poder trazar un futuro é un factor fundamental neste comportamento dos electores. A esa imposibilidade contribúe o sistema e os seus aparellos, entre eles partidos e sindicatos socialdemócratas, partidos e sindicatos da esquerda institucionalizada. Todos esteos necesarios da orde e da inmutabilidade do sistema. Do camiño sen saída.

O campo da aspiracións das multitudes, do proletariado moderno a un cambio da base material queda ermo. Os discursos electorais deveñen superestructurais, alleos ás realidades materiais, mediatizados, un xogo de intereses partidistas que non empalman coas necesidades, intereses e desexos dun suxeito colectivo sen representación.

A inserción cega das forzas da esquerda no sistema non só afecta ós procesos electorais. Toda a súa actividade política se volve illada, entregada á mediación, allea ás realidades materiais das xentes. Inútil. Convértense en instrumentos que evitan a participación. Ó cabo, mesmo sen o eles querer, acaban por ser instrumentos do poder para amortecer as contradiccións internas dun sistema de dominio, control e explotación.

Pero a función da esquerda é outra, é transformación, é canalizar as contradiccións e as manifestacións espontáneas e elevalas a formulación política, non amortecelas; é facerse instrumento da organización colectiva dese antagonismo sempre latente; é descubrir explicitamente as engrenaxes dun sistema de explotación e dominio e, ó tempo, sabotealas; é desvelar as condicións materiais que xeran ese antagonismo e converter a utopía en posibilidade e necesidade. Comunismo ou barbarie capitalista.

Transformación social e nacional, únicos obxectivos da esquerda para facer política e, subsidiariamente, participar nas eleccións. Se non é así, ese instrumento político é pura máquina electoral desaloxada da historia e á marxe da autovalorización do suxeito colectivo antagonista, presa das pautas electorais que marca o sistema. A súa derrota é súa só, non de Galicia, non do proletariado moderno, non das multitudes… A exclusividade da festa electoral como única actividade política da esquerda é o suicidio. Cómpre unha organización que xurda directamente das necesidades materiais das clases populares e empate coa subxectividade colectiva para con ela dar luz ó futuro do proletariado moderno, desa Galicia que se esvaece, que se desertiza, submida na emigración desde a aldea ó sector servicios das cidades e das vilas, que sofre un proceso de acumulación primitiva que só lle deixa a posesión da forza de traballo para malvender en condicións de explotación extrema.

A loita urxente da esquerda nacionalista non é a consecución de votos a calquera custo, porque nin sequera un triunfo electoral garante a forza necesaria para transformar a realidade se non hai unha organización consciente das multitudes. É inútil a moderación do discurso público se a comunicación coas xentes se entrega á mediación de radio, prensa e televisión. Todo electoralismo baterá contra os muros do sistema. A estratexia será gañar consciencia, é dicir, conciencia da necesidade, auténtica liberdade transformadora. Porque só a conciencia das necesidades posibilita a liberdade. Sen esta condición, as mensaxes electorais seguirán a ser baleiras. A emancipación é imaxinable. Porque este non é, nin moitísimo menos, o mellor dos mundos posibles.

Cómpre unha auténtica reconfiguración dos instrumentos da esquerda nacionalista, a acumulación de ideas e esforzos, a reorientación unitaria desde as bases populares: o proletariado como suxeito colectivo de liberación social e nacional, aínda non organizado, aínda non maioritariamente consciente. Daquela, a participación nas eleccións terá o seu verdadeiro valor, un escenario máis da loita política entendida como un avance constante, diario, de posicións do proletariado galego –entendido este como a multitude de sectores sociais que sofren o dominio, o control e a explotación do mando capitalista en diferentes graos- na desestructuración do sistema e na súa propia autovalorización. Contrahexemonía intelectual e social. Somos maioría.

Correponderalle á intelectualidade tamén cuestionar os instrumentos, analizar as formas de antagonismo e contribuír a canalizalas. Posibilitar a contrahexemonía. A esquerda nacionalista debe preparar as condicións para un novo poder constituínte máis aló da prisión das famosas condicións obxectivas e subxectivas.

Fronte á democracia representativa, é necesario profundar na idea e na praxe dunha democracia popular baseada en Consellos, poñela en marcha alá onde as condicións o permitan. Levar as decisións ás xentes, as de verdade, non só as de escasa entidade material e simbólica. A realidade material é crúa. Cómpre un esforzo imaxinativo para converter as contradiccións sociais internas en acción: creando antagonismo e organización social, baténdose contra o control, ideando medios de contracontrol. Iso non quere dicir renunciar a participar nas eleccións, pero requiren unha nova consideración táctica. Deben ser valoradas na súa xusta medida. A esquerda hoxe non pode xerarquizar as contendas electorais fronte á intervención social. É no ámbito do social onde se gañará o futuro, onse se armará o camiño para asaltar definitivamente o ceo.

La résistance, la rébellion, la révolution, ce n’est ni un style, ni une posture, ni la gestion médiatique d’un vieux capital de sympathies contestataires. Bill Gates se promène lui aussi en jeans, certains tycoons d’Hollywood portent la casquette visière à l’arrière, Bill Clinton fuma de la marijuana. Et tous aiment probablement les Rolling Stones, tous profitent de la révolution sexuelle, tous savent chanter We are the world. Mais ils sont le monde que nous devons changer. Et, pour le changer, nous ne pourrons décidément compter ni sur le «jeu» du marché, ni sur la Banque de Francfort, ni sur Daniel Cohn-Bendit. Serge Halimi (United colors of Dany le… * *choisissez la couleur.)

Compostela, 16/02/02

AS REDES ESCARLATA ANTE OS PREMIOS CHANO PIÑEIRO

As Redes Escarlata congratulámonos da lembranza á figura de Chano Piñeiro, quen, alén do uso simbólico do seu nome, merece a homenaxe de dotar o campo audiovisual de formas e contidos nacionais, dun compromiso coa normalización cultural e lingüística de Galicia.

O compromiso do audiovisual galego. Este campo audiovisual chamado galego sobrevive cun forte apoio económico da administración pública. O seu único horizonte é o beneficio industrial das empresas privadas de comunicación. Débeselle esixir un beneficio social que nesta altura non existe. O proxecto audiovisual hexemónico, por contra, concibe Galicia como un plató, un ámbito de servicios para o audiovisual español. Nega a propia autonomía.

O audiovisual en relación cos outros campos culturais. O audiovisual galego di procurar contidos universais. Este discurso disfraza o rexeitamento da realidade cultural, social, lingüística, histórica de Galicia. Xéranse produccións que van do alleamento cultural á aproximación pintoresca a espacios fragmentarios da nosa realidade. A conexión cos outros campos culturais, entre eles o literario nacional, é inexistente ou toma forma de traslación lingüística e cultural que deforma os contidos orixinarios. A substitución da lingua galega polo castelán pexa calquera proceso de normalización cultural e só achega dislocacións conceptuais ás obras audiovisuais.

O audiovisual e os actores galegos. O audiovisual galego renuncia voluntariamente á base artística en que por lóxica se debera alimentar: os actores. É patética a obsesión por traballar con actores españois de segunda categoría e reservar para uns poucos artistas galegos papeis de recheo.

Non é posible un campo audiovisual galego en castelán. Das produccións que optan ós premios Chano Piñeiro, soamente unha ínfima porcentaxe —os productos elaborados para a TVG— ten como soporte a lingua galega. Non hai cinema galego se non hai cinema en lingua galega. O castelán é a lingua vehicular das produccións audiovisuais realizadas con subvención pública, malia as axudas da Xunta de Galicia requiriren o emprego do galego como lingua de expresión audiovisual. Contravense na práctica o sentido duns apoios que xorden para incentivar a creación audiovisual en lingua galega. Conscientemente, o audiovisual hexemónico en Galicia opta por rexeitar a propia autonomía para se converter en apéndice subalterno, de inferior categoría, do audiovisual español. As películas realizadas con subvención pública galega exhíbense en castelán nas salas de Galicia e, hipoteticamente, en festivais do exterior. Só unha porcentaxe ridícula de copias é dobrada ó galego.

As condicións de traballo. A explosión das produccións audiovisuais en Galicia xerou postos de traballo. Postos de traballo precarios, mal pagos, con xornadas laborais que vulneran tódalas legalidades. A industria audiovisual galega fúndase na sobreexplotación, contra Galicia e a súa lingua.

As Redes Escarlata reclamamos dos poderes públicos e do ámbito audiovisual un compromiso eficaz, real, coa cultura de Galicia, coa súa lingua, coa súa realidade, a elaboración de productos que nos expresen como somos e como queremos ser, na nosa lingua, en relación directa coas nosas produccións noutros campos culturais.

Redes Escarlata

Galicia, abril de 2002

As Redes Escarlata por ante o día das Letras Galegas

A celebración das Letras Galegas vén a lembrar a existencia dunha pequena nación chamada Galicia, coa súa cultura e a súa lingua. Aínda que a celebración é sempre precisa, a data non pode mandar ó cuarto do esquecemento e do restroballo a súa orixinaria función reivindicativa. Non tería sentido a festividade se non servise para aguilloar a reflexión e a acción arredor do noso presente e do noso futuro como nación con cultura e lingua de seu. Quizais é certo que tódolos días do ano deberan selo das letras galegas, mais non é menos verdade que a normalidade nacional, cultural e lingüística non requiriría a explicitación dese tópico tantas veces repetido nos últimos anos. Sexa como for, nada nos impide aproveitar o evento marcado no almanaque para nos expresar verbo daquilo que nos preocupa. En lugar destacado: a lingua de nós-outros. A nosa cultura.

En termos xerais, a lingua ocupa mellor posición hoxe ca hai a penas dúas décadas. O seu estatus legal de cooficialidade, ben que restrinxida e máis aparente ca real, non sendo o desexado e necesario, debería permitir encetar vieiros que a conducisen á plena normalización. No seu traslado desde a prohibición ata a cooficialidade, o galego resituouse timidamente en certos ámbitos sociais e instalouse, cremos que definitivamente, en campos culturais que xa levaban tempo en proceso de construcción consciente dun estatus de normalización. Asemade, tivo ocasión de penetrar na administración, no ensino e na comunicación de masas. No ensino, timidamente; na comunicación de masas, coa forza que lle permitiu ser a lingua vehicular dos medios públicos de Galicia: Radio Galega e Televisión de Galicia. No caso da TVG, o acceso ó campo audiovisual xera a necesidade de recompoñer o corpus para adecualo a un universo infindo de realidades; en moi pouco tempo, multiplícase o seu repertorio de roles. A dobraxe de películas e series converte en variedade lingüística plena capacitada para ser vehículo de comunicación en tódalas situacións e universos posibles unha lingua restrinxida a variedade funcional de ámbito familiar en condicións só semellantes ás que a literatura estaba xerando decidida pero lentamente. A lingua faise, para o gran público, instrumento normal de toda caste de comunicación e expresión, independentemente de situacións comunicativas, interlocutores, posición social destes, etc. Neste sentido, pódese falar dunha normalización virtual da lingua galega . Sería de esperar que tanto o seu novo estatus legal coma o seu acceso simbólico ó ensino, á administración e, sobre todo, ós medios de comunicación varrese en pouco tempo os prexuízos lingüísticos compañeiros do proceso de substitución lingüística. En parte, así foi. Cando menos, foron desaparecendo dos discursos públicos, inda que quizais algúns deles seguen latentes.

Pero esta é só a cortiza superficial da realidade. Só quen se conforma con esvarar nela afirma que a posición da lingua é ideal. Idealización de realidade virtual, fantasiosa ou politicamente interesada . Os avances só son tímidos pasos adiante acompañados de retrocesos.

No ensino é simbólica a presencia da lingua, coma a literatura sempre apelidada, galega, en contraste coa que non precisa máis có nome, a española; a resposta mínima ás esixencias sociais. Certo é que o ensino da lingua maila aprendizaxe doutras materias, presuntamente obrigatoria, en galego contribuíu a estender a competencia pasiva. Posiblemente, a totalidade da poboación galega coñece o idioma e estaría en disposición de utilizalo . Mais a escola segue a ser un instrumento nuclear de desgaleguización. Os nenos galegófonos son alfabetizados en castelán , teñen no castelán a lingua instrumental para a comunicación escrita xeral. Seguimos sen dereitos lingüísticos nun sistema de ensino alleo que non nos dá a posibilidade de educar os nosos fillos na nosa lingua.

Canto á comunicación de masas, a TVG e a Radio Galega forman unha illa. Contra elas, cadeas de televisión públicas e privadas a emitiren só en castelán e unha rede nacente de televisións locais que vai caendo nas poutas do grupo PRISA. Contra elas, un mundo de emisoras de radio entregadas gratuitamente nas mans dos imperios comunicativos españois a emitiren en castelán. Contra elas, unha prensa que non considera o galego digno da comunicación de masas. Contra elas, unha industria audiovisual fortemente subvencionada incapaz de producir cine en galego, coa vontade explícita de participar no sistema audiovisual español e ofrecer Galicia como plató cinematográfico. Cabo delas, o testemuño dunha presencia cativeira e simbólica en emisións de RNE e TVE en Galicia, emisoras municipais e certa prensa comarcal, xunta a anécdotas voluntariosas nunha masa comunicativa estrictamente española, conscientemente allea á lingua. Conscientemente arredada das nosas manifestacións culturais. Se, como agoiran os meigos da globalización, o futuro das culturas se forxa na comunicación de masas e no campo audiovisual, ó camiño da normalización quédalle moito que rozar.

Como coroa, a transmisión da lingua descendeu en progresión xeométrica nas últimas xeracións. E non, como interesadamente se quere facer crer, por mor da libre vontade dos seres humanos que habitan esta nación e escollen falarlles ós fillos unha lingua distinta da que eles empregaron e empregan para se comunicaren. Os ritmos de substitución lingüística intensificáronse a partir da xeneralización da comunicación de masas e coa presencia doutros condicionamentos políticos, sociais e económicos. Se ben socialmente o galego superou en boa medida os estigmas de desprestixio social, o ámbito familiar, aquel no que resistiu durante séculos, está facendo descender o número de falantes. Acompaña este proceso unha tendencia á liturxización; xermola unha nova diglosia, inversa, na que a lingua pode converterse en variedade funcional para ámbitos formais de expresión e comunicación ó tempo que mingua na expresión familiar e coloquial. Non será casualidade que a dirección sexa contraria á que tomaron linguas coma o catalán ou o euskera nos últimos anos, cunha recuperación evidente no seu uso, especialmente na xente nova.

O mito da suprema liberdade individual de escolla que situará cada lingua e cada cultura no lugar que lle corresponde por esencia é a falacia en que se alicerza o discurso da dominación. Pero unha política lingüística normalizadora tería que coñecer os feitos que condicionan esas escollas, comprender a posición da lingua como elemento simbólico de identificación de dominantes e dominados, de privilexiados e excluídos nos múltiples ámbitos sociais. A política lingüística da administración autonómica e dos poderes de España emite discursos dirixidos a manter o estado das cousas. Niso consiste o chamado bilingüismo harmónico, esa imposibilidade social que agocha a substitución lingüística acelerada , unha resposta ás necesidades de os grupos de dominio manteren o seu estatus e os seus símbolos. Trázase unha situación idealizada para que nada mude. Négase o conflicto para non alterar o valor simbólico das dúas linguas en conflicto. As clases dominantes manteñen un monolingüismo militante que perpetúa o castelán como símbolo de éxito, un símbolo que terá que adoptar todo aquel que desexe ese mesmo éxito. Esta realidade é aplicable non só ó campo da lingua. O campo literario sofre a mesma presión. Nos últimos tempos, os medios de comunicación de Galicia engadíronse á ofensiva ideolóxica, política e cultural, uniformizadora, do Estado español , inventando e amplificando unha polémica monolóxica arredor da galeguidade de escritores e escritoras nados en Galicia que escriben a súa obra en castelán. Participantes voluntarios, por tanto, no sistema literario español. Alleos, por tanto, á literatura galega. Son convertidos dun día para outro en víctimas dun presunto esencialismo excluínte por parte dos que presuntamente negan a súa galeguidade. Eses medios e eses escritores que se prestaron ó xogo si que se investiron cun esencialismo irracional ó confundiren, interesadamente, a condición derivada de nacer en Galicia coa que permite falar de sistemas literarios. Coma se eses escritores importasen e non o sistema literario no que nunca quixeron xogar. O discurso pretende anular o sistema literario galego mediante a conversión en símbolo exitoso daqueles que, sendo galegos, escriben en castelán. Un éxito que non posúen os escritores galegos. O éxito literario fronte á resistencia e a exclusión. Minimízase o sistema literario galego mediante o recurso á amplificación dunha presunta distancia inmensa entre a producción literaria en español e a producción literaria en galego. Segundo este discurso, os autores galegos que escriben en español gozan de éxito: grandes vendas, premios, recoñecemento mediático, calidade indiscutible, galeguidade probada, escaparates nas librerías e espacio e tempo nos medios. Do outro lado, os autores do sistema literario galego, obviamente non recoñecidos nin premiados da mesma maneira, recluídos no ghetto do andel que nas librerías amorea sen criterio toda a producción en galego, fóra do escaparate, fóra dos medios, fóra dunha TVG que non quere falar da nosa literatura. A cualificación de calidade e de éxito só a outorga o sistema literario español, o único con capacidade mesmo para lles conceder éxito a autores do sistema galego. O escritor galego será importante só na medida en que o sistema literario español o considere importante. Cando ninguén considera anormal a cantidade e calidade de obras publicadas en castelán, en Galicia seguimos a escoitar voces tendentes a desacreditar o sistema literario galego por culpa dun presunto exceso imponderado de publicacións. O discurso encerra a desigualdade de dúas linguas e dúas culturas, convérteas en símbolos de estatus con valores radicalmente opostos. Este discurso non é casual. Intégrase na ofensiva uniformizadora do Estado español, unha ofensiva que presenta unha cara dura e outra amable. A cara feroz, mediante o recurso ó ataque directo contra a diferencia, mediante a defensa do español como víctima dos ataques identitarios, mediante promulgacións de leis, reformas de programas de estudios, informes académicos e discursos rexios segundo os cales o español nunca foi imposto. Flagrante falsidade adorada por intelectuais centrais e ex-periféricos que visten de razón o que só é propagandístico aggiornamento do vello principio segundo o cal a lingua é compañeira do imperio. A faciana amable, mediante a burda distinción entre lingua de cultura e linguas vernáculas, mediante o recurso ó número de falantes, mediante a transformación dunha lingua en patrimonio cultural que non está mal conservar enclaustrado no fermoso museo da diversidade española. E este discurso de rostro amable topa ás veces a axuda de quen, desde a seguramente ben intencionada defensa do galego recorre a argumentos semellantes: a lingua como patrimonio digno do museo ou a necesidade de agochar o galego nunha lingua de cultura de verdade como é o portugués.

A lingua galega non só é a lingua propia do territorio que comprende a actual división administrativa. Hai unha identidade común a territorios lindeiros polo leste que nos compromete e nos implica, aínda que non queiramos, nos seus esforzos, cada vez máis patentes e dignos de apoio, por defenderen uns dereitos lingüísticos dos que son privados unha e outra vez polas diferentes administracións do estado e das comunidades autónomas a que pertencen (Asturias e Castela-León). Temos responsabilidade como falantes, e teñen responsabilidade as institucións, que deben corrixir o seu desleixo histórico. Alegrámonos profundamente de iniciativas recentes de cooficialización en concellos coma o berciano de Veiga de Valcarce e o de Lubián, nas Portelas, e agardamos que outros concellos adopten iniciativas semellantes.

Non é a nosa intención avaliar polo miúdo a situación lingüística de Galicia nin ás políticas lingüísticas da administración nuns poucos parágrafos. Só queremos expresar a nosa esperanza no futuro e a intención de varrer as pexas que nos impiden decorrer libremente e en igualdade. Aspiramos a que o galego sexa a lingua de instalación de Galicia e esiximos das administracións un compromiso certo co futuro. Desexamos a creba da política lingüística substitutoria deseñada e implementada pola administración . Queremos o compromiso dos poderes locais no canto de foguetes propagandísticos.

Cremos no presente e no futuro. A lingua dános dereito a vivir e a comunicarnos. Por iso evitamos o catastrofismo e recorremos á análise crítica, aquela que outorga a convicción das capacidades da lingua, da cultura, dos seus usuarios, a certeza do seu futuro. Coñecemos a realidade dificultosa da lingua na actualidade e negámonos a agoirar o seu final porque sabemos que non desaparecerá, cando menos mentres existan galegos comprometidos na súa perdurabilidade, mentres perviva a lealdade lingüística representada na transmisión e no uso. Esa vontade, activa ou pasiva, é suficiente para a existencia dunha lingua. Comprometémonos co presente e co futuro da lingua, coa súa ocupación hexemónica dos diferentes ámbitos sociais. É posible, unha necesidade, que o galego sexa a lingua de instalación de todos en calquera situación comunicativa e mais a lingua de relación lóxica co mundo lusófono.

O Día das Letras Galegas ten que se converter, por riba da festa compracente de foto fixa, no espacio común de análise, reflexión e reivindicación dunha política lingüística verdadeiramente normalizadora que atenda a tódolos ámbitos da sociedade. Esta atención debe prestarse con urxente prioridade ó ámbito da comunicación de masas, mediante a creación dunha segunda canle da TVG e da Radio Galega. Queremos ter o dereito de informarnos, e de facelo na nosa lingua. Tamén nos corresponde o dereito de educarmos os nosos fillos na nosa lingua. Comprometémonos a actuar para defender a necesidade de vivirmos plenamente na nosa lingua. Sen restriccións. Sen exclusións.

Entendemos prioritaria a necesidade de que os sectores sociais que están na vangarda da defensa e do desenvolvemento da lingua se articulen eficazmente, sen dependencias, sen estratexias alleas. É hora de sumar e organizar vontades sociais, sacalas dos ámbitos privados para a rúa e premer nas estructuras de quen ten o poder de decidir sobre tantas cousas que nos afectan. A nosa lingua é a nosa cultura, o noso modo de ver o mundo, de estar nel. Necesitámola para sermos seres humanos do noso tempo, da nosa terra. Nunca renunciaremos a ela.

O futuro abre portas, ventás e lumieiras polas que debemos acceder para seguir construíndo unha casa en que vivir libremente. O galego ten tantos ou máis falantes ca algunhas das linguas europeas que posúen estatus de oficialidade e protección suficiente para garantir o seu porvir. E aínda que así non fora. Quizais o único que nos distingue de todas esas comunidades é a liberdade para organizar o futuro con institucións propias.

Manifesto no 25 de xullo do 2002

«Os militares non precisan cerebro porque para marcaren o paso élles suficiente a medula espiñal; están ao nivel dos invertebrados»
Albert Einstein

O 11 de setembro foi a escusa que o Imperio programou para que policía e política sexan sinónimos. A unanimidade goebbelsiana dos medios de comunicación substitúe a representatividade democrática Cui Prodest?. As elites hexemónicas (oligarquía económica e militarista) nunca foron democráticas: a democracia é un logro da loita de clases.

Nesta nosa época de paz eterna e xustiza infinita, ¿que problemas ten agora Bush? Un dos principais, os nacionalismos, mesmo os conservadores, porque os estados pasan, os réximes políticos pasan…, pero os pobos con conciencia de seu son os únicos que permanecen.

Europa (datos de emerxencia): ninguén controla o Banco Central Europeo (falamos de control democrático), que é autónomo; a única competencia do Parlamento é o salario dos eurodeputados. O modelo de construcción europea clausura, de facto, o sufraxio universal. O euro homoxeiniza os prezos afondando nas diferencias territoriais e de clase, biopolíticas, en definitiva. Os dereitos conquistados na Revolución Francesa están en vías de extinción, nin sequera a burguesía cre na división de poderes.

Por terra, mar e aire, «al alba y con duro viento de levante de 35 nudos’, o goberno e a oposición metropolitanos manteñen, para non os resolveren, os diferentes conflictos nacionais. A Lei de Partidos manifesta que España é un proxecto inconcluso e imposible, quimérico. Lémola como unha precaución contra o regreso das teorías de explicación da realidade que fundan a esquerda. O problema está na definición de «terrorismo». Coma «comunismo» na guerra fría, é palabra que engloba calquera posición antisistema como paradigma ético do mal. A fronteira é difusa, non existe. A esquerda ofrece explicacións científicas, a dereita leis represivas e excluíntes. E mitos: Aznar, o Cid, ese simpático bandoleiro. O Juan Sebastián Elcano na ría de Vigo a Semana das Letras.

O Estado das Autonomías reflicte con 25 anos de adianto a nova orde mundial. Legalízase democraticamente a submisión, a dependencia, a creba de autoestima e de consciencia. Fraga e calquera que sente con el é responsable dos 90.000 mozos e mozas que emigraron nos últimos anos, do 19 % de desemprego, da desfeita do sector primario, da catástrofe ecolóxica…

E aínda así, houbo LOU e houbo resposta contra a LOU. Houbo máis outra reforma laboral e houbo folga xeral. ¡Forros vangarda!

A independencia é a vida dos pobos, o idioma o seu alento.

¡¡Viva a República Galega!!

Compostela, 25 de xullo de 2002

Contra a Lei de Partidos e a ilegalización de Batasuna

O día 27 de xuño o Rei de España sanciona a Lei Orgánica 6/2002, de Partidos Políticos, máis coñecida por “Lei de Partidos”. A Lei promúlgase co obxectivo de (citamos textualmente) «garantir o funcionamento do sistema democrático e as liberdades dos cidadáns, impedindo que un partido político poida, de forma reiterada e grave, atentar contra o réxime democrático de liberdades, xustificar o racismo e a xenofobia ou apoiar politicamente a violencia e as actividades de bandas terroristas.»

Se nas Redes Escarlata caésemos na trampa de cuestionar esta iniciativa desde o punto de vista técnico, isto é, anotando a súa contradicción fundamental co disposto na Constitución Española, a penas contribuiríamos a lexitimala e a insinuar unha revisión, outra vez, de carácter técnico. E repetiríamos o erro se quixésemos analizala á luz das disposicións europeas sobre as liberdades fundamentais, a presunción de inocencia e os dereitos humanos. Noutro tempo sería previsible que, ao someter a Lei a tales contrastes, o Estado español se enfrontase a un serio conflicto consigo mesmo, coa legalidade na que se apoia e coa legalidade europea (a legalidade internacional nunca existiu).

A nosa análise, pois, non vai partir das ocorrencias que a democracia española foi sementando co único fin de lexitimarse a si mesma desde 1977, ou desde 1975, cando tamén se chamaba democracia, recordemos, “democracia orgánica”. Ou desde o golpe de Estado de 1981, que se erixiu en metáfora da España eterna. O termo imaxinario desa metáfora era un levantamento militar; o termo real, a liquidación da esquerda rupturista e o freo, mediante Lei Orgánica, das aspiracións nacionais que se debuxaban no proceso autonómico. Nós estamos hoxe, como daquela, en contra da Constitución española e cremos que o réxime actual só ten a lexitimidade que lle transferiu o franquismo. A Monarquía non foi sometida a ningún referendo democrático e a súa lexitimidade emana, aínda que os anos queiran minguar a verdade, dun atentado contra a legalidade española de 1936. (E engadamos entre paréntese que as Redes Escarlata, por outra banda, tampouco recoñecen outra soberanía lexítima que a do pobo galego, tras un proceso de autodeterminación).

A democracia, antes que conxunto de leis, é aspiración universal; pouco ten que ver cos títulos honoríficos que un réxime se outorga a si mesmo. Afixémonos a que calquera sistema de goberno en calquera Estado do mundo, desde a Segunda Guerra, proclamase o seu carácter demócrata. Así o fan aínda, sen rubor, moitos réximes corruptos do planeta e moitos Estados que cren vacinarse contra a tortura ou contra a fame organizando eleccións de cando en vez.

En España a culpabilidade precede aos xuízos, e a suspensión cautelar ás sentencias. Non se trata dun problema rexional que nace casualmente no sur de Europa. A Lei de Partidos súmase ás necesidades dunha nova orde mundial xurdida a finais do século pasado e acelerada desde o 11 de setembro. O mercado non precisa a tripartición do poder. As democracias saen moi caras e entorpecen o fluír do capital, así que desde Nova York ata Londres van soltando o lastre da Revolución francesa para transformar pouco a pouco o Estado nunha empresa de seguridade. A Lei de Partidos española conserva certamente o aroma fascista do século pasado, mais asenta sobre un moderno soporte. Por iso a nosa análise precisa ser política antes que xurídica. Discutir as formalidades do Pensamento Único faríanos, de xeito implícito, cidadáns e cidadás dese réxime. E na realidade somos os súbditos da versión española.

A Constitución de 1978 óllase no embigo, perplexa, e ve ascender varios dos seus artigos ao limbo da utopía; por exemplo, os que consagran o pluralismo político e o carácter non finalista das leis. Porque esta Lei de Partidos foi pensada para prohibir Batasuna -incluso presume nos medios do seu carácter finalista, que é tanto como dicir que presume de ilegalidade- pero agacha ademais a súa verdadeira función. Como a Lei de Prensa do ministro franquista Manuel Fraga, a Lei de Partidos invoca as mesmas liberdades que vai proscribir. Con ela na man tentará o Estado fulminar calquera disidencia, teña esta forma de pensamento ou de organización.

Desde logo, non é esta Lei para os partidos que xustifican prácticas racistas, nin para os partidos que agreden aos homosexuais e ás lesbianas na súa propaganda e na rúa, nin para os partidos que celebran aínda os crimes da dictadura, nin tampouco para os partidos que se negan a condenar o terrorismo de Estado. Non para as forzas políticas que xustifican e amparan, ademais, en España e na Europa toda, o asasinato de nenos con balas do Estado de Israel. Non para os partidos que nunca enviarán unha nota ao Parlamento europeo instando a ilegalización do goberno austríaco e dos partidos da extrema dereita en Francia, Inglaterra ou Italia. Ou en Alemaña, onde segue sendo ilegal o Partido Comunista. ¿Deberíamos pedir a legalización do Partido Comunista alemán ou a ilegalización de Alemaña? ¿Deberíamos ilegalizar o partido de Tony Blair por xustificar e amparar o seu líder a morte de civís en Iraq a causa do bloqueo farmac��utico?

Os tres supostos poderes, e o cuarto poder, a prensa, incorren en varias contradiccións de fondo. A primeira, a maior, que tras anos negando a existencia do dereito colectivo, ou postpoñendo este, como condición esencial, aos dereitos das persoas, a Lei de Partidos refunda o delicto colectivo, sen que dese presunto delicto se derive claramente o carácter da responsabilidadade penal individual. ¿Que máis ten, para que serviría disimular xa que España se convirta nunha unidade de destino no lexislativo, executivo, xudicial e mediático? ¿Dá votos en España e en Galicia defender a democracia? Tememos que fai perder miles ou millóns deles. Por iso, ante a operación que persegue eliminar os cargos públicos e as institucións municipais electas por máis de trescentas mil persoas en Araba, Biscaia, Guipúscoa e Navarra, ante tal campaña ideolóxica e lexislativa montada polo PP e polo PSOE, o BNG e outros a penas dan balbucido a súa abstención. Gustaríanos pensar que é por medo, un perigoso conselleiro, antes que por certas complicidades de fondo. A dictadura de Primo de Rivera disfrazouse, igual que o goberno de José María Aznar, de rexeneración moral; integrou no aparato do Estado varios membros das Irmandades da Fala. Algún deses nomes había pactar pouco despois como mal menor a liquidación nas cunetas dos obreiros e dos irmáns galeguistas. Tamén se dixo que fora por medo.

Nas Redes Escarlata sabemos que non estamos sós na denuncia da Lei de Partidos. Nas Redes Escarlata sabemos que somos minoría as persoas que nos opoñemos firmemente a esta Lei. E que “minoría”, nun estado de excepción, designa cousa ben distinta ao que quere dicir a palabra “minoría” nun contexto democrático. Ben, pois esta minoría afirma hoxe sen medo que a asociación, a reunión, a opinión e a manifestación seguen sendo dereitos universais. De aí que saudemos todas as xentes, asociacións e grupos que manifestan a súa oposición á Lei de Partidos e á conseguinte ilegalización de Batasuna. Alén das nosas diferencias ou afinidades políticas, as Redes Escarlata queren chamar polos mínimos da liberdade e facer agora un mesmo corpo cos humoristas gráficos Pepe Carreiro e Máximo, coa maxistrada Margarita Robles, coa Esquerra Republicana de Catalunya, coa multitude que foi prohibida en Bilbao, cos filósofos Javier Sádaba e Santiago Alba Rico, co político Francesco Cossiga, co dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, vivo entre nós, coas mulleres independentistas de Córsega… Cando a democracia está en xogo sobra o cálculo, a táctica e a política mediocre; alá quen queira negociar a súa recompensa na auga turba onde adoita poñer ovos o fascismo.

España perdeu Cuba e Filipinas; non se resigna a que cen anos despois a maioría social de Euskal Herria poda decidir nas urnas o seu porvir. Antes, se cadra, de domar mediante o exército os territorios rebeldes, como dispón a Carta Magna, José María Aznar e Rodríguez Zapatero elixen dinamitar as pontes da paz e inventan para o ano próximo uns comicios nos que han gañar por exclusión do adversario. Unha vez máis España, en vez de Historia, segue empeñada en ter antecedentes penais. Simbolízaos coma un amuleto reseso a inmensa bandeira que se ergueu estes días en Madrid. É o mesmo exceso de tal acto o que nos indica aos galegos e ás galegas que cómpre, unha vez máis, organizar o futuro.

Redes Escarlata Lugo, outubro de 2002

PENSAR COS PÉS FINCADOS NA LAMA NEGRA: As Redes Escarlata ante O atentado do Prestige

Desde o Polycomander ata o Mar Exeo, ata o Prestige, sempre Galicia, sempre o mar.

Nin sequera se molestan en vir os políticos-voitre, á procura da esperanza dos que o perderon todo. Os políticos, os Gobernos e as oposicións, estiveron ausentes máis dunha semana, demostrando que Galicia segue sendo o que Faraldo nomeara e Castelao denunciaba: unha colonia. Neste caso, unha terra abandonada á toxicidade do capitalismo internacional. O sistema capitalista é tóxico e a súa legalidade unha sucesión de coartadas e farrapos mal cosidos.

E Galicia, estes días, o deserto do real. Cómpre pensar cos pés fincados na lama negra e pegañenta.

O abandono das colonias á súa sorte, o seu destino necesariamente envelenado polo desleixo e a ausencia de tecnoloxía, que sempre está noutro lugar, non se compón a penas de substancias químicas.

Importa moito manternos intoxicados tamén informativamente: por exemplo, crear un ridículo «enemigo exterior» (Xibraltar, unha empresa calquera) mentres os coros rexionais declaman a xa coñecida «desgracia histórica». A Televisión de Galicia, que abría un especial informativo para cada detalle do desastre do Aegean Sea, parece estes días fóra do mundo. Pola tarde do venres 29, mentres a marea se aproxima, un divertido talk-show. Os risos, as cores alegres e a censura ferreña dos telexornais mancan. Como o fuel irrita os ollos do voluntariado cando tenta case clandestinamente limpar a costa.

En Galicia xa non podemos emigrar, nin nos conformamos con ladaíñas. Aquí hai culpables. Teñen nomes e amos que servir, en maior ou menor grao, desde Aznar e Fraga, que nos desprezan, ata Touriño e Beiras, que esperaron días e días para acabar dicindo o obvio, máis preocupados polo cálculo dos votos que por organizar e dar sentido á carraxe dunha nación enteira. Os economistas británicos e os xornais franceses reaccionaron antes que moitos dos nosos partidos.

Mentres, a sociedade galega tivo que organizarse artesanalmente e apoñer rabia e sachos ao cálculo de uns e ao abandono da España eterna. Para grande parte dos medios de comunicación, o culpable era unha substancia chamada fuel-oil. E claro que hai que sacar o petróleo das praias. Claro que hai que salvar mascatos e parrulos. Claro que hai que evitar que a catástrofe sexa aínda maior, claro que hai que indemnizar aos afectados; armadores, mariñeiros, acuicultores… PERO NON PARA TAPARLLES A BOCA AOS AFECTADOS E Á OPINIÓN PÚBLICA GALEGA PARA ASÍ OCULTAR E ESCATIMAR A INVESTIGACIÓN E SINALAMENTO DOS AUTÉNTICOS RESPONSABLES POLÍTICOS.

Declaracións: «non se pode falar de marea negra» (E. López Veiga), «el barco está en aguas portuguesas» (Fdez. de Mesa), «aquí non hay ningúna catástrofe ecológica» (Arias Cañete). ¿Demitiu algún?, nin demitirán. ¿VERDADE QUE SE COIDAN MOITO DE FALAR DE DECLARACIÓN DE ZONA CATASTRÓFICA?, É lóxico, pois esta figura os levaría a obrigas políticas, indemnizatorias e de restauración que son as que o pobo galego debe demandar.

Estes percances teñen unha orixe e uns causantes verdadeiros. Non son catástrofes naturais.

Poñámoslles nome.

a).- Terceiros Rexistros e Bandeiras de Comenencia.
Son os mecanismos fundamentais con lexislacións que permiten verdadeiros réximes de escravitude. Serven ademais para abaratar custos no trasporte marítimo. As grandes compañías de mariña mercante crean os Terceiros Rexistros para abaratar os custos de fletes e escapar ás lexislacións laborais e de seguridade marítima. Mediante estes rexistros, con independencia do capital da empresa propietaria, abandéirase o buque (Bahamas, Panamá, Nigeria, Gran Caiman, Belice,…) e fóxese así das inspeccións, contrátase man de obra barata, etc.

b).- Permisividade na contratación sen cualificar. Non é casualidade que masivamente sexan contratados traballadores procedentes do Terceiro Mundo; Malasia, Filipinas, Indonesia ou da Europa do Leste. Os cadros das tripulacións foron cortados pola metade. ¿Cal é o salario dun traballador da tripulación do «Prestige»? Tres veces inferior ao que se gañaba hai quince anos.

c).- Inspeccións inexistentes. ¿Pero é que existen no Estado español? As Inspeccións de Traballo néganse sistemáticamente a inspeccionar buques de pesca de titularidade galega, aínda que abandeirados no Reino Unido cunha empresa fantasma inglesa. Buques en estado máis que lamentable tripulados por traballadores galegos.

d).- O Dispositivo de Separación de Mercadorías Perigosas de Fisterra. ¿É eficaz? Non é o mesmo a perigosidade intrínseca dun buque cargado con hidrocarburos que con ferro, aínda tendo todos os certificados en regra. ¿Cal é a vixilancia e o control real de mercadorías que se fai no mar? NINGÚN.

e).- ¿Cando se aplicará a normativa do dobre casco? Cando xa non teñamos nada que protexer. O dobre casco mellora ostensiblemente a seguridade, aínda que non sexa un mecanismo máxico.

f).- Falta un dispositivo de prevención verdadeiramente eficaz, cualificado e adestrado para combater catástrofes marítimas. Buques de salvamento, buques anticontaminación, buques remolcadores de gran altura, barreiras anticontaminación, etc. É síntoma colonial por excelencia a carencia de ningún destes medios nunha ruta de trasporte marítimo onde pasa diariamente e en todas as épocas do ano o 60% dos fletes que van ou saen da Europa industralizada, ademais dos países do Báltico. Disque ter e manter un gran remolcador como os holandeses, ingleses ou noruegueses é moi caro (vale en torno a 1.200.000 €, e mantelo anualmente 500.000 €) pero resulta que nesta traxedia van gastar seguramente dez veces eses custos.

Mentres, a Armada española, heroica coma sempre, dá exemplo de cómo se actúa nun país subdesenvolvido: tira de pá e foza no fuel tóxico (¡leva un 2´58% de xofre!); mentres, un tal Arsenio Fernández de Mesa, máis apto para comentar deportes náuticos, representa, tal un virrei, a opereta galega de temporada; mentres, os medios de comunicación servís con Aznar e con Fraga estenden tinta, igual que as luras, por se non abondase o mouro espectáculo: que o culpable é o capitán, que é a empresa, que foron as autoridades gregas. E de novo, o berro patriótico: se se contaminan as costas galegas, «¡Gibraltar español!».

Non aturaremos NUNCA MÁIS este tipo de humillacións. Non emigraremos a ningures: QUE SE TIREN AS CARAUTAS AOS VERDADEIROS RESPONSABLES DESTA DESFEITA MEDIOAMBENTAL DO NOSO PAÍS.

¡¡¡NUNCA MÁIS!!!

Redes Escarlata: no muro da Lagoa de Louro, novembro, 2002

MANIFESTO DAS REDES ESCARLATA CONTRA A GUERRA INMINENTE DE IRAQ

Os EEUU e a clase burguesa transnacional, despois da queda do socialismo real e dos atentados de Nova York e Washington, tratan de impor a súa Lei no mundo.

Os estados que se resisten son bloqueados e destinados á desaparición. Hoxe os EEUU están máis próximos á realidade de Imperio Universal do que antano estivera ninguén.

Estamos nas vésperas dunha agresión militar de consecuencias incalculábeis.
EEUU deciden, despois de humillaren e desactivaren a ONU, golpear Iraq. A súa determinación semella inamobíbel e xustifícase cun feixe de falsidades propagandísticas, a saber:
*O réxime iraquí é unha Dictadura persoal.
*O réxime iraquí posúe armas de destrucción masiva que ameazan a todos.
*O réxime iraquí oprime os kurdos.
A todo isto, nós, os/as abaixo asinantes opoñemos o seguinte:
Iraq está gobernado polo partido Baath de carácter socialista árabe e é anti-imperialista, pro-palestino, laico e de economía hexemonizada polo sector público.

Non existe país ningún árabe que se aproxime máis ca Iraq ao ideal de Democracia e de Igualdade. País ningún de Oriente apoiado polos EEUU (Pakistán, Arabia Saudí) pode ser considerado máis libre ca Iraq.

É falso que Iraq posúa armas de destrucción masiva, en canto que si que as posúen EEUU e os seus aliados, notoriamente Pakistán e Israel.

Ningún dos estados que asoballan a Nación Kurda lle concedeu a este pobo un estatuto de autonomía, con excepción de Iraq que si que o fixo. Estamos por un Estado Kurdo independente e socialista; os EEUU só ven nos Kurdos un pretexto.
EEUU xa están militarmente en Tayikistan, Uzbekistan, Afghanistan, Pakistan. Coa súa instalación en Iraq, logo de feroz guerra, acelerarán a secesión do Tibet e o derrubamento de Corea do Norte. Así terán cercada China, próximo obxectivo estratéxico, e terán as mans libres en Cuba. Este é o camiño político-militar para un fascismo planetario, gris e frío, baseado na pura lei do lucro capitalista e na ausencia de liberdade de pensamento.

Co control dos recursos agrícolas e do petróleo de Iraq, os EEUU e o Capital avanzarán no camiño do horror.
Nós, galegos e galegas ceibes, POR RAZÓNS HUMANÍSTICAS, POLÍTICAS, SOCIAIS, CULTURAIS E DE CLASE, condenamos a inminente agresión a Iraq e opoñémonos á guerra imperialista que está a punto de se deflagrar.

Redes Escarlata en Galicia , a 30 de xaneiro de 2003.